Thursday 25 de April de 2024

O PSOE critica que a alcaldesa volva a faltar á súa palabra e non leve a Pleno a aprobación do Convenio do Transporte Metropolitano


Os socialistas unha nova mostra de falta de transparencia do PP nunha cuestión importante para a mobilidade dos veciños e veciñas e cuxo servizo é moi mellorable

Os socialistas de Trazo critican que o bipartito conformado polo Partido Popular e Somos Trazo decidira furtarlle ao Pleno Municipal a aprobación do Convenio do Transporte Metropolitano. Sobre todo cando a propia alcaldesa, Josefina Suárez, se comprometera na sesión anterior a convocar aos grupos municipais a unha reunión para debater e facer achegas ao plan antes da súa aprobación plenaria.
“De feito, a tan só un día do prazo dado pola Xunta de Galicia para a súa aprobación por parte dos Concellos, nin sequera temos información de se en Trazo se aprobou ou non o convenio, nun novo exemplo de falta de información e da falta total de transparencia coa que goberna o PP, coa complicidade e o silencio de Somos Trazo”, explica a voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez.
Os socialistas de Trazo salientan que esta situación vai moito máis aló dunha nova demostración da falta de palabra da alcaldesa, xa que na anterior sesión plenaria todos os grupos municipais coincidiran en sinalar a importancia de mellorar as condicións do servizo de transporte metropolitano e en que era precisa unha reunión na que facer unha posta en común de ideas para que os veciños e veciñas puideran ter acceso a un servizo de maior calidade. “Todos sabemos que as frecuencias que viñan no convenio non só eran poucas, senón que nin sequera se estaban a respectar, polo que nos tememos o peor vendo como PP e Somos Trazo lle furtaron este debate ao Pleno Municipal, que é onde está representada a vontade de todos os veciños e veciñas de Trazo”, sinala Domínguez Siaba.
Por iso, os socialistas lamentan este novo exemplo de covardía política por parte da alcaldesa e do seu socio de Somos Trazo, algo que xa comezaron a finais de xullo, cando lle ocultaron á veciñanza a sinatura dun acordo de Goberno do que catro meses despois se sigue sen coñecer os seus termos e bases máis aló do reparto de sillóns e soldos realizado de inmediato.